Translate

terça-feira, 25 de junho de 2013

DICIONARIO DA ACADEMIA GALEGA

O novo dicionario electrónico da RAG supera as 50.000 entradas
Ofrece ata sete criterios distintos para facer procuras de palabras
CAMILO FRANCO
Redacción / La Voz 25 de junio de 2013

O dicionario da Academia Galega xa se pode consultar en dispositivos móbiles.
Como os poetas xa non valoran a rima, algunha das posibilidades do novo dicionario en liña da Real Academia Galega pareceralles vintage. A RAG conta cun novo dicionario inserido no Portal das Palabras, presentado recentemente en colaboración coa Fundación Barrié. En realidade, a nova ferramenta que ofrece a Academia é o centro deste portal no que se pode coñecer mellor o uso das palabras, a súa historia e mesmo xogar con elas.
O novo dicionario electrónico da Academia (DRAG) é unha profunda revisión do anterior que, ademais dunha actualización de termos, amplía as posibilidades de consultas por parte dos usuarios, tanto no Portal das Palabras (www.portaldaspalabras.org) como na propia páxina da Academia (www.realacademiagalega.org). Ata agora só había unha posibilidade de busca, pero o novo dicionario ofrece ata sete criterios tendo en conta o comezo, o remate, letras que contén, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence. Se por exemplo se buscan palabras que rematen en -ise, o DRAG ofrece 36 posibilidades, pero se se buscan palabras acabadas en -on as posibilidades son 500. Ademais, pódense buscar os sinónimos das palabras.
Segundo os seus responsables científicos, este é un dicionario «normativo», o que quere dicir, segundo Antón Santamarina, que é «un dicionario que presenta os termos máis necesarios para comunicarse, partindo dos usos reais, recollidos de corpus literarios, xornalísticos e orais, e escollendo as palabras propostas entre as variantes dialectais máis estendidas». Para o tamén académico Manuel González, este é «o dicionario que o país precisa neste momento, cun idioma en conflito, e coa necesidade de restituír boa parte do noso léxico ocupado por palabras foráneas. Por iso se fai un dicionario normativo».
Segundo a Fundación Barrié, o DRAG supera agora mesmo as 52.000 entradas, das que 47.000 son definicións únicas. Unhas 46.000 son referencias cruzadas. Hai case 89.000 definicións e algo máis de 92.000 exemplos. Segundo Manuel González, o propio dun dicionario normativo é contar con entre 50.000 e 80.000 entradas, polo que explica que é necesario «crecer aínda un pouco máis na incorporación cuantitativa de voces». Para Santamarina, a función «é axudar a que se utilice a palabra dunha forma correcta, e para iso partimos do galego actual, sen perder de vista o histórico e intentando preservar a pureza idiomática», segundo explica na presentación do propio Portal das Palabras na rede.
A Fundación Barrié chegou a un acordo coa Real Academia para a posta en marcha do Portal das palabras e a ampliación do dicionario electrónico. Este acordo entre as institucións ampliouse para que a RAG manteña e amplíe os contidos dese portal, e tamén o dicionario, cun apoio económico por parte da fundación que ten unha dotación de 60.000 euros e cunha duración dun ano.

Nenhum comentário:

LA RECOMENDACIÓN DIARIA:

  LA RECOMENDACIÓN DIARIA gepetear , neologismo válido   El verbo  gepetear  es un neologismo válido que se emplea en ocasiones con el senti...